Wednesday 08 de May de 2024

A Agrupación de Protección Civil de Boqueixón cumpre 25 anos


Recibirá mañá a Placa de Ouro ao Mérito por parte da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España nun acto que se celebrará na AGASP

A Agrupación de Protección Civil de Boqueixón cumpre as vodas de prata da súa fundación e vaino celebrar recibindo unha das máis altas condecoracións da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España. Dita homenaxe realizarase dentro do II Acto de Entrega de Medallas e Condecoracións que o ente nacional celebrará mañá ás 12.00 horas nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), sita en A Estrada.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Boqueixón recibirá a Placa ao Mérito na súa Categoría de Ouro dentro deste acto polos seus 25 anos en funcionamento. Xunto con ela, realizarase esta mesma entrega a preto doutras 30 agrupacións de voluntarios de Protección Civil de distintos puntos da comunidade autónoma. O II Acto de Entrega de Medallas e Condecoracións de mañá tamén comprenderá as concesións de distintos recoñecementos establecidos noutra quincena de categorías. Entre as máis salientables atópanse:

• Medalla de Ouro ao Mérito, ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo;
• Medallas Honoríficas e á Constancia na súa categoría de Ouro, a Francisco Javier Jambrina Rodríguez, Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil; Carlos Núñez Mato, ex xefe provincial do Servizo de Emerxencias de A Coruña; Manuel Muñoz Mompó, Coronel Xefe do Aeródromo Militar de Santiago; Antonio Romero Losada, Xeneral en Mando da Brilat e Eusebido Fraguas Sánchez, ex xefe Superior de Policía en Galicia;
• Cruz de Servizos Distinguidos na súa categoría de Ouro, a José Antonio Carabel Cardelle (Avpc Bergondo);
• Cruz de Servizos Distinguidos na súa categoría de Ouro, a título póstumo, a Manuel Dieste Mos (Avpc Ribeira);

Unha vintena de integrantes

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Boqueixón foi rexistrada o 20 de abril de 1994, poñéndose en marcha a finais dese mesmo ano cunha vintena de persoas voluntarias. Os seus comezos estiveron marcados polo desenvolvemento de traballos preventivos (como persoal de apoio para festas parroquiais e na cabalgata de Reis). A medida que as persoas integrantes da agrupación foron recibindo formación específica, ampliaron o seu labor a tarefas vencelladas coas emerxencias.

A principios da década do 2000, a agrupación chegou a contar con arredor de 40 integrantes. Na actualidade, conta cunha vintena de persoas voluntarias. Entre os operativos máis salientables nos que participaron no seu cuarto de século de historia, atópanse tanto o dispositivo preventivo con motivo da visita do Papa Juan Pablo II e os labores desenvolvidos tras o accidente de Angrois.